Intelixencia Emocional na aula, con Rut Gómez

Rut Gómez falounos sobre Intelixencia Emocional

Este xoves 14 de febreiro Rut Gómez viu aos Encontros a falar de intelixencia emocional na aula.

Rut comezou contándonos como a súa traxectoria profesional e persoal foi marcando a súa vocación pola Educación. Aínda que o libro levaba na súa cabeza moito tempo, decidiu escribilo tras decatarse de que tanto profesores coma nais e pais estamos cada vez máis concienciados da importancia da intelixencia emocional pero moitas veces non sabemos por onde comezar a traballala. Así o libro pretende ser unha guía práctica que presenta unha serie de recursos organizados por idade e emoción que nos permiten traballar a intelixencia emocional tanto nas aulas coma en casa.

O libro baséase en técnicas que proveñen de tres pilares: ioga, mindfulness e meditación. No debate posterior varios participantes comentaron a mellora que a meditación aportou nas súas vidas e a importancia de levar estas prácticas ás aulas. Rut insistitu en que cada rapaz e rapaza debe ser considerado de xeito individual e tratar de adaptar estes recursos ao seu caso. O libro debe ser unha caixa de ferramentas da que usaremos uns elementos ou outros dependendo do momento e da persoa. Cada rapaza e rapaz é diferente e non todo funcionará igual en todo o mundo.

Despois de presentar tanto o libro como os conceptos básicos da intelixencia emocional, Rut convidounos a probar tres dinámicas que podemos usar nas nosas clases. Nelas traballamos sobre diferentes emocións e comprobamos a importancia do que comentara ao principio: cada persoa é diferente e por iso é vital traballar a empatía. Dunha banda o mesmo estímulo producía sentimentos diferentes en cada persoa, e doutra o xeito de expresar cada emoción tamén pode ser distinto. Durante o debate, conversamos sobre a dificultade que supón para as rapazas e rapaces identificar as emocións cando incluso nós temos problemas ás veces para etiquetalas.

Dinámica Intelixencia Emocional
Dinámica Intelixencia Emocional

Rut indicounos tamén que a intelixencia emocional debe comezar dende o nivel máis baixo posible, xa que dificilmente poderemos pedir a un adolescente que xestione as súas emocións se non lle demos unha base durante os anos anteriores. Por último, recomendounos que este traballo comece nos docentes, que somos sempre un modelo e unha referencia para as nosas alumnas e alumnos.

Queremos agradecer a Rut que viñera a compartir a súa experiencia e o seu tempo connosco. Foi un encontro moi interesante e agradable.

Vémonos o mes que vén!


Sobre Rut Gómez

Rut Gómez é mestra de Educación Infantil. Traballou en colexios a meirande parte da súa carreira e a súa vocación polo ensino levouna a dirixirse tamén a nais, pais e profesores, impartindo formación para estes colectivos. Tras realizar o traballo fin de grao centrado na Intelixencia Emocional e a súa aplicación na aula, escribiu o libro “Guía de recursos de Educación Emocional” no que propón dinámicas prácticas para que calquera docente poida traballar a intelixencia emocional nas súas clases.

 

Deixar un comentario