Recursos Educativos Abertos, con Manuel Caeiro

Manuel Caeiro falou de Recursos Educativos Abertos

O mércores 13 de marzo contamos nos Encontros con Manuel Caeiro, profesor da Universidade de Vigo que nos explicou que son os Recursos Educativos Abertos (REA) e como podemos usalos e crear os nosos propios contidos.

Manuel comezou explicándonos que son os REA: materiais (dixitais ou non) de dominio público ou publicados cunha licenza que permita o seu acceso gratuito así como a súa adaptación e redistribución. Un bo xeito de lembrar as características que debe cumprir un recurso para ser considerado aberto son as 5 Rs propostas por David Wiley. Un REA debe permitirnos:

  • Reter: dispoñer dunha copia
  • Reutilizar: usalo tal como está
  • Revisar: cambiar o material e adaptalo
  • Remesturar (remix): combinalo con outros recursos
  • Redistribuilo: volver publicalo para compartilo con outras persoas

O feito de poder revisar e adaptar o contido resulta chave, xa que é pouco frecuente que como docentes poidamos utilizar un material sen realizar modificacións que nos permitan axustalo ao noso contexto (aula, asignatura, estudantes…). E precisamente este é un dos obstáculos que nos atopamos cando decidimos comezar a usar REAs e nos diriximos a algúns dos repositorios que os poñen á nosa disposición (como OpenDOAR, ROAR ou Procomún), xa que a meirande parte do material compartido está en formatos non editables coma pdf. Outro inconveniente que aparece é a dificultade á hora de realizar buscas nestes repositorios xa que a maneira de organizar os recursos non sempre é común entre eles ou adaptado ao noso sistema educativo. Aínda así, usar recursos comúns segue tendo importantes beneficios dende o feito de axudar aos países en vías de desenvolvemento (a razón pola que se creou este movemento orixinalmente) a mellorar as nosas prácticas educativas así como conectar con profesionais de todo o mundo.

Manuel Caeiro durante a súa presentación
Manuel Caeiro durante a súa presentación

Neste punto, cabía preguntarse como podemos nós crear e compartir os nosos propios recursos para contribuir a esta comunidade global. O primeiro é tratar de elaborar o material usando formatos abertos (ou amplamente utilizados) e seguir algunha plantilla que facilite a posterior edición. Tamén é importante asignar unha licenza aberta (como creative commons, por exemplo) e os permisos correspondentes. Este paso resulta vital xa que en España e na maioría dos países calquera material que publiquemos terá por defecto licenza copyright, o que implica que non permitirá usar nin reproducir o recurso sen permiso expreso. Moita xente descoñece este feito e supón un freo importante á cultura da Web 2.0 e á compartición de coñecemento. Por último nos quedaría publicar e compartir o noso recén creado recurso nalgún dos repositorios existentes ou na plataforma da nosa elección.

Manuel tamñén nos comentou a posibilidade que ofrecen os recursos abertos de seren utilizados como unha posible actividade para as nosas clases, encargando ao alumnado a creación e publicación dos contidos. Por último, se nos animamos a formar parte da comunidade e comezar a compartir contidos de noso, recomendounos publicar as programacións de aula máis que as programación de asignaturas ou contidos xenéricos, xa que na súa opinión é un dos recursos máis útiles para a comunidade docente e dos menos frecuentes.

Queremos agradecer a Manuel a súa participación e toda a información útil que compartiu connosco.

Vémonos o mes que vén!


Sobre Manuel
Manuel Caeiro Rodríguez é profesor asociado (Profesor Contratado Doutor) no Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo. En 2007 completou a súa tese de doutoramento sobre Linguaxes de Modelizado Educativo co desenvolvemento da proposta de PoEML. Recibiu o premio á mellor tese de doutoramento do Capítulo Español da Sociedade da Educación do IEEE (CESEI). A súa experiencia no campo da e-learning remóntase aos seus inicios como investigador en 1999, facendo diferentes contribucións: aprendizaxe colaborativa, aprendizaxe baseada en problemas, aprendizaxe baseada no xogo, simuladores, laboratorios remotos, estándares, analítica da aprendizaxe, aprendizaxe autorregulada, etc.