Edumaxia na aula, con Ignacio González-Puelles

O vindeiro mércores 10 de abril Ignacio González-Puelles virá aos Encontros a falarnos da súa experiencia usando a maxia nas clases. Será ás 18h30 na sede do Impact Hub Vigo (rúa Camelias 70).

Ignacio, como bo docente, está sempre buscando novas formas de chegar ao alumnado e innovar en clase. Como ademais de profesor é mago, a idea de levar a súa paixón pola prestidixitación ás aulas xurdiu de xeito natural. A súa experiencia serviranos de modelo á hora de aproveitar nós tamén as nosas habilidades particulares ou características diferenciadoras para mellorar como profesionais.

Antes de lanzarse a facer xogos de mans na clase, Ignacio levou a cabo unha investigación revisando a literatura sobre o uso da maxia na aula e buscando os diferentes proxectos que xa o puxeron en práctica con anterioridade e os beneficios que atoparon. Contaranos como adaptou esas experiencias previas ao seu contexto, como superou as dificultades e os resultados que obtivo. E con un pouco de sorte asistiremos a algún xogo coma os que fai na aula. Seguro que a súa historia nos inspira!

Inscrición gratuita ata completar aforo no seguinte enlace: https://goo.gl/forms/ipJlimXTZzpvBgZY2

 

Sobre Ignacio González-Puelles
Ignacio é graduado en Educación Primaria polo CEU de Vigo e ten un máster en Innovación Didáctica na Universidade da Coruña. Entre outros, fixo un curso sobre Maxia e Educación impartido por Pedro Alegría en San Sebastián. Actualmente está realizando o seu doutoramento na liña de Innovación e Equidade en Educación.