Estudantes mentores: a experiencia de MEET-UVigo, con Artemio Mojón

O vindeiro mércores 8 de maio Artemio Mojón estará nos Encontros presentando a experiencia de mentoría que puxo en marcha na Universidade de Vigo. Será ás 18h30 na sede do Impact Hub Vigo (rúa Camelias 70).

MEET-UVigo
Artemio Mojón con algúns dos mentores da primeira edición do programa MEET-UVigo

Hai xa seis anos que comezou a primeira edición do programa MEET-UVigo, co obxectivo de axudar aos alumnos de primeiro ano da Escola de Teleco da Universidade de Vigo. Antes de que Artemio puxera en marcha este proxecto había iniciativas similares nas que algúns profesores ofrecíanse a guiar aos estudantes para facilitar o seu paso do instituto á facultade. O aspecto diferenciador de MEET-UVigo é que agora os mentores son alumnos de cursos superiores. A posibilidade de recibir axuda e orientación de parte dunha persoa que estaba na súa mesma situación hai só uns anos acadou resultados sorprendentes: mellora do compromiso e do rendemento académico.

Este rotundo éxito non foi froito da casualidade, senón dunha planificación que inclúe a preparación do alumnado mentor a través dunha formación de 80 horas onde aprenden conceptos sobre xestión do tempo, comunicación e, sobre todo, psicoloxía positiva concentrándose en intelixencia emocional tanto interpersoal coma intrapersoal. Artemio contaranos a súa experiencia á fronte deste programa e cales son as claves que o levaron a obter tan bos resultados, así como as posibles dificultades no caso de que nos animemos a implementar unha iniciativa similar no noso centro.

Inscrición gratuita ata completar aforo no seguinte enlace: https://forms.gle/aXk5fuWNBTCfnPug6

 

Sobre Artemio Mojón

Artemio Mojón é Doutor Enxeñeiro de Telecomunicación. É profesor titular da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo no departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións. Como investigador as súas liñas de interese fundamentais son a bioenxeñaría e o tratamento de sinais biolóxicos. Como docente leva máis de 20 anos dando clase e innovando nas aulas. Foi pioneiro no uso da metodoloxía de clase inversa (flipped classroom) na Universidade de Vigo.