Formación do profesorado a través do programa Erasmus+, con Adrián Paramés e Jorge Mediero

O mércores 12 de xuño pechamos o curso con Adrián Paramés e Jorge Mediero que nos falaron sobre o programa Erasmus+ de formación e mobilidade para centros de ensino de todos o niveis. A continuación ofrecemos un resumo dos temas tratados:

Cando falamos do programa Erasmus, sempre pensamos na mobilidade de estudantes universitarios. Menos coñecida é a iniciativa Erasmus+, que está aberta tamén a profesores e alumnado de primaria e secundaria. Hai dous tipos de proxectos que se poden solicitar: KA-1 e KA-2. O primeiro está orientado a profesores e consiste en formacións presenciais en formato curso ou estancias en centros de toda a Unión Europea onde profesionais destacados amosan as súas prácticas sobre o terreo. Os proxectos KA-2 pola súa banda permiten a estudantes levar a cabo proxectos internacionais de colaboración nos que clases de diferentes países traballan en actividades conxuntas con ou sen mobilidade.

Se estás pensando en solicitar un proxecto Erasmus+, debes ter en conta as seguintes recomendacións que nos ofreceron Adrián e Jorge:

  • Os prazos: a convocatoria adoita saír sobre outubro ou novembro de cada ano, cun límite para a presentación de solicitudes ata febreiro. Por último, a resolución sae en torno a maio ou xuño.
  • Coherencia: a clave do éxito dunha solicitude é identificar as necesidades do centro que a presenta e armar un proxecto cimentado sobre estas. É primordial que as formacións que se pidan estean aliñadas co proxecto de centro e as caracterísiticas diferenciadoras deste.
  • Difusión: un aspecto dos proxectos Erasmus+ que se ten moi en conta á hora de apoialos é a capacidade de divulgar e facer chegar á sociedade o beneficio obtido a través da iniciativa. Este é un dos puntos más complicados xa que os docentes non estamos afeitos a redactar notas de prensa ou compartir as nosas actividades máis alá da comunidade do centro. Moitas opcións poden valer: redes sociais, un blog, mencións en prensa, charlas no centro para pais e/ou claustro, participación en congresos…
  • Buscador de cursos: aínda que a priori o financiamento do programa Erasmus+ danos liberdade para escoller calquera curso que queiramos facer (sempre que sexa coherente coas necesidades do centro), Adrián e Jorge recomendan o buscador de school education gateway xa que os cursos que aí se ofrecen están deseñados para as convocatorias Erasmus+ e poden facilitar a documentación a presentar.
IMG_20190612_185924
Dinámica sobre a presentación de solicitudes Erasmus+

Jorge tamén nos falou da súa experiencia como participante en varias actividades de formación dentro do programa Erasmus+ dirixidas a mellorar a súa competencia en CLIL (Content and Language Integrated Learning).

Adrián pola súa banda tivo a oportunidade de formarse en gamificación, e nos fixo unha presentación sobre este campo tan de moda actualmente. Contounos as bases que fan esta disciplina tan interesante na Educación: baséase no xogo, esperta a motivación no alumnado e proporciona un feedback máis útil que os métodos tradicionais de ensino. Falounos dalgúns elementos que podemos usar nas nosas clases para gamificar algunhas actividades e deunos unha fórmula para desenvolver un proxecto exitoso: ter claro que queremos conseguir, establecer obxectivos medibles, coñecer ao grupo e equilibrar os elementos de motivación extrínseca e intrínseca. Por último falounos do seu proxecto “Cambia el paso”, unha iniciativa para intentar acabar co sendentarismo infantil que colabora con ONGs.

 

Sobre Adrián Paramés e Jorge Mediero

Adrián é licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e ten un mestrado en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde. Actualmente traballa como profesor especialista en Educación Física en Educación Primaria no Colexio Plurilingüe El Pilar de Vigo. Tamén imparte a materia de Ciencias Naturais en inglés dentro do proxecto bilingüe do centro. Ademais é profesor de Didáctica da Educación Física na Escola Universitaria de Maxisterio no CEU. É fundador do proxecto Look&Fit.

Jorge é licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade da Coruña e ten un mestrado en Estudos Ingleses Avanzados pola Universidade De Santiago de Compostela e outro en Formación de Profesorado pola Universidade de Vigo. Actualmente imparte aulas de lingua inglesa en Secundaria no Colexio Plurilingüe Maristas el Pilar de Vigo. Os seus intereses coma docente son a didáctica de lingua inglesa coma lingua extranxeira e especialmente o desenvolvemento da creatividade máis actividades de escritura. Colabora iniciando a sección CLIL en Secundaria no centro no que traballa.